INMACULADA CARDENAS E MÓNICA ÁLVAREZ + EFRAÍM DÍAZ (Grupo de Creación Sonora da USC)
INMACULADA CARDENAS nace en La Línea (Cádiz) en 1952, e reside en Galicia dende o ano 1983, cando se incorpora á Universidade como profesora de música. É compositora e catedrática da área de Música da Universidade de Santiago de Compostela. Doutora pola Universidade de Sevilla, realiza estudos de musicoloxía na Sorbona e posteriormente no GRM. Da man de François Delalande entra en contacto coa música electroacústica, realizando cursos de electroacústica con distintos compositores do GRM. Espazo Permeable será o primeiro grupo que dirixa musicalmente, realizando con este grupo de artistas plásticos o Concerto para Esculturas Sonoras. En 1995 creou o Grupo de Creación Musical da USC (GCMUS), actualmente GCSUS, e proseguiu o seu labor compositivo con obras electroacústicas realizadas no LIEM do CDMC (Madrid). En marzo de 2015, programouse na Casa de España en Miami, dentro do ciclo de músicas electroacústicas da Universidade de Miami, a súa obra La Línea-La Habana. A súa obra MiniaturasSonoras, estreada nos Sons Creativos de 2016, foi seleccionada e presentada no Festival Punto de Encuentro, celebrado en Berlín en febreiro dese mesmo ano.
[bio completa] MONICA ALVAREZ estudou canto lírico no Conservatorio Profesional de Música de Ourense. Realizou cursos de canto lírico con Manuel Avendaño, Miguel Zanetti, J. Antonio Campo, entre outros, e cursos de pedagoxía de creación musical con François Delalande; de música experimental con Eduardo Polonio; de canto contemporáneo con Esperanza Abad e Fátima Miranda; e de canto difónico con Thomas Clements.É membro do GCSUS dende a súa creación no ano 1996. Nel encargouse entre os anos 2002 e 2010 da formación dos alumnos da Sección Vocal, ademais de participar como solista e compositora. As obras do GCSUS foron programadas en eventos como o Festival Internacional de Música da Habana, o Festival de Electroacústica de Bourges ou o Punto de Encuentro, e emitidos en medios como Radio Nacional de España (Radio Clásica).
Dende o ano 2001 ata o 2008 foi profesora de canto moderno da Escola de Música Bieito Blanco de Ourense. No seu labor como docente ten compostas obras con alumnos de infantil e primaria, como é o caso de Filigranas escolares, emitida no programa La Casa del Sonido de Radio Clásica (RNE), dirixido por José Luis Carles.
EFRAÍM DÍAZcomeza os seus estudos de música co seu pai Cándido Díaz aos 8 anos. É titulado Profesional (2004) e Superior de Percusión (2008) e titulado Profesional de Gaita (2014).
Durante o 2008 editou o seu primeiro disco de solista de percusión Viaje por Kallaikía; no 2015 edita outro disco de solista pero de pito pastoril galego Pito Galego. Durante o 2018 edita o disco O bosque do asubiador coa Banda Sinfónica Municipal de Música da Coruña. Durante o 2019 presenta o seu último proxecto coa Banda de Música de Antas de Ulla, editando un álbum sufragado pola Deputación Provincial de Lugo.
Actualmente realiza estudos de doutoramento na USC, no programa Estudos Culturais: Memoria, Identidade, Territorio e Linguaxe, mergullándose na presenza do pito pastoril galego na Galicia. É membro permanente do GCSUS, Grupo de Creación Sonora da Universidade de Santiago de Compostela, xunto a Inmaculada Cárdenas e Mónica Álvarez, co cal ten participado en diversas estreas de obras musicais nestes Sons creativos, destacando entre outras as da súa autoría: 11S01 e Sonificación Espacial.
COLAPSO COLECTIVO xorde como un punto de encontro para persoas artistas e afeccionadas á arte sonora e visual. O seu obxectivo é dar visibilidade a propostas pouco convencionais, apoiando a realización e presentación de proxectos artísticos arriscados, facilitando o diálogo entre creadores e espazos e incidindo na importancia do seu rol nos procesos de transformación social.
Se ben parte dun especial interese polo fenómeno sonoro, esta vontade expándese cara a outros ámbitos, procurando o intercambio fluído de coñecementos, mediante a programación de diferentes actividades culturais, lúdicas e pedagóxicas e atendendo especialmente ás prácticas máis experimentais. + INFORMACIÓN
LAR LEGIDO, batería, investigador sonoro e performer (Castromonte, Valladolid, 1975).
Formado no Centro de Encuentro para el Desenvolvimiento de la Improvisación(CEDI) de Madrid, con profesores e artistas como Pedro López, Belma Muñor, Markus Breuss e Wade Matthews, canalízase cara ao que será o seu foco principal de acción e investigación: a improvisación.
Como pioneiro no movemento de improvisación libre en Galicia, fundou o grupo Parto en 1999 e as súas investigacións sobre arte sonora culminaron coa creación do Aquófono; colabora na creación e dirección artística do Centro de Novas Tecnoloxías do Pico Sacro e da Orquestra de Música Espontánea de Galicia.
Considerado como unha das figuras nacionais máis relevantes no panorama musical da improvisación libre, desde 2012 expón os seus traballos máis performativos, relacionando a batería con estruturas sonoras e visuais como tractores, camións de bombeiros, formigoneiras, guindastres, mesas de futbolín ou cabinas de hidromasaxe. Un aspecto artístico que se combina cunha intensa actividade concertística con grupos como Sumrrá, Malándrómeda ou o pianista Alejandro Vargas, entre moitos outros.
FONOGENIA é un trío de música experimental electroacústica nado a finais do 2017 nas sesións de improvisacións semanais H.A.L.O., de Vigo. Fonogenia viaxa entre a libre improvisación e a composición experimental contemporánea, creando lugares moi diversos ricos en sonoridades. Participou en festivais como o WOS INC (2018), no I Festival de Jazz de Vigo (2018) ou no Electro Pura de Vilargacía (2019) e en espazos como a Sala Kominsky ou a Sala Galería de Vigo. Para este ano, 2020, ten prevista a gravación do seu primeiro álbum que sairá na primavera do 2021. + INFORMACIÓN