O concerto inaugural deste Sons Creativos 2022 corre a cargo de Efraim Díaz, percusionista e gaiteiro con formación en creación electroacústica e audiovisual, que presenta un concerto no que folclore e tecnoloxía se funden nunha nova linguaxe coa tradición musical galega. Estará acompañado por dous músicos invitados David Bellas (gaita) e Ivan Abal (zanfona), interpretando obras co pito pastoril galego. Arte Sonora é Tradición.
O segundo concerto baixo o título de Maha Prakriti, achéganos á antiga filosofía india da man de Mónica Álvarez, membro fundador do GCSUS cunha longa traxectoria vocal e incursións cada vez máis frecuentes na creación sonora, e José Manuel Vázquez Díez, músico convidado, nun concerto orgánico no que voz e imaxes se complementan.
O terceiro concerto corre a cargo de Inmaculada Cárdenas, fundadora do GCSUS, cuxas creacións sonoras comezaron nos anos oitenta do século pasado vinculadas á USC. As súas obras, na súa maioría publicadas, tamén se poden escoitar en YouTube. Juan Antonio Lleó, músico electroacústico e informático cunha longa traxectoria como creador, profesor invitado e artista multimedia, é o músico convidado deste concerto titulado Recreacións. A cinta, a electroacústica en directo e o teclado abren unha nova lectura de dúas obras da autora pertencentes á súa primeira etapa como compositora: Mosteiro Suite e La Memoria y los Juegos, ambas publicadas no CD Music & Architecture.