DATA: 20/10/2022 HORA: 19:00 H LUGAR: Casa do Saber Praza Pío XII, nº 3, 27001 Lugo Entrada de balde ata completar aforo
ARTE SONORA É TRADICIÓN
Viaje por Kallaikía (audiovisual) Efraím Díaz
Esta obra é para multipercusión e cd, é unha viaxe, un paseo por Galicia, por cada unha das catro provincias, representando tamén a viaxe propia interior de cada intérprete. O uso de paisaxes sonoras mesturadas cos sons tradicionais das percusións galegas cunha linguaxe contemporánea, xunto co emprego de imaxes e vídeo para acentuar as emocións, trasladan ao oínte no tempo e no espazo espertándolle diferentes emocións e sensacións
A composición ten 4 movementos enlazados que representan as 4 provincias galegas, cunha base de paisaxes sonoras con sons de diferentes lugares da xeografía galega. A instrumentación das percusións é totalmente libre, nesta interpretación podemos escoitar diferentes instrumentos tradicionais galegos; bombo, tamboril, cunchas, pandeireta, rodos, gaita... etc. Esta obra dálle nome ao primeiro disco editado de Efraím Díaz, Viaje por Kallaikía, editado grazas a unha bolsa “Primeira Obra 2008” da desaparecida Fundación Caixa Galicia.
Espectro branco (pitos pastorís + electrónica en vivo) Efraím Díaz
A presente obra é unha suma de sons que o intérprete executa, grava e reproduce en directo valéndose dunha pedaleira electrónica. A peza comeza cunha primeira e simple nota que se reproduce nun bucle (loop). De seguido engádese un segundo son, que se suma e se reproduce á vez que o primeiro. Este proceso en bucle de engadido de “capa sobre capa”, crea unha masa sonora que comeza con intervalos considerados harmónicos, pero que pouco a pouco se afasta do camiño consoante cara ao disonante. É unha viaxe do fenómeno físico harmónico a través da suma das notas simples, dos seus harmónicos e dos “tons diferenciais” presentes nos sons que nos rodean. Coa adición das capas a obra encamíñase dende un son culturalmente aceptable ata unha saturación do espectro sonoro que se achega ao ruído branco. É a primeira composición do xénero da música electroacústica para pito pastoril galego, composta especialmente por Efraím Díaz para a súa estrea no Sons Creativos 2020, un fito no repertorio de pito pastoril galego.
Clapping Music (gaita e pito) Steve Reich (arranxo David Bellas)
Steve Reich, unha das grandes figuras do minimalismo, compuxo a presente obra cunha simple idea, un ritmo simple interpretado a dúas voces, na que unha delas mantén o mesmo patrón e a outra vai desprazando ese patrón unha corchea. A presente versión que se presenta neste Sons Creativos 2022, é un arranxo en escala pentatónica, tomando un bordón como base e empregando o pito pastoril como instrumento que despraza a melodía.
Pequeno descanso
Segunda parte
Marcapáxinas (gaita de fol soa + proxección) David Bellas
Baseada na obra homónima do artista Caxigueiro. A obra de Caxigueiro reflexiona sobre cuestións que condicionan o desenvolvemento vital, tanto individual coma colectivo. Dende 1990 interésase pola instalación, aínda que a miúdo tamén se expresa a través doutras disciplinas (escultura, fotografía, poesía etc). A mestura de diferentes linguaxes, o interese por narrar, a importante presenza da cerámica, xunto a unha actitude crítica e claramente periférica, serven de punto de partida para achegarse a un persoal xeito de entender a arte.
Lamento polas Fragas (gaita de fol soa) David Bellas
Obra baseada na paisaxe sonora do incendio das Fragas do Eume do ano 2012.
É rama na maré (gaita de fol e zanfona) David Bellas
É rama na maré, é unha obra para dous instrumentos que pretende ser un xogo, un diálogo e unha aprendizaxe por medio da interacción e a escoita activa. Unha brincadeira polos espazos microtonais. É rama na maré, son moitas cousas, pero sobre todo é unha forma de interactuar e aprender de forma lúdica mediante a repetición e asunción da sonoridade dun palíndromo que eu emprego coa a miña filla Uxía de tres anos. Tamén é unha postal, unha imaxe conxelada dun tempo no que eu era un neno e ía co meu avó Enrique buscar a madeira que chegaba á Praia da Carraca no Barqueiro (Mañón, A Coruña) xa que era moito mellor para a leña…
Viveiro1540 (Miniaturas) (gaita de fol e zanfona) David Bellas
A Vila de Viveiro foi arrasada polo lume no 1540. As cinco miniaturas son 5 maneiras de percibir un mesmo evento, polo cal cada unha delas trata o mesmo motivo só que de xeitos diferentes. Dramatis personae. Cinzas no vento, tratando de reconstruír un feito que xa non é dende quen non o viviu. A nada, o po…
A música non representa outra cousa que a ela mesma (o cal non é pouco), mais a idea estrutural nace desas cinco formas a modo de natureza morta de sorprenderse do acontecido, son cinco visións, como cinco son as portas da vila medieval, en realidade seis, coa porta principal que é o ver dende fora, que é a posición de quen escoita, o total das mesmas como eco dun feito acontecido e hoxe xa difuminado, di- (diverxencia en múltiples direccións), fumus (fume).
Et suseia (gaita de fol e zanfona) David Bellas e Ivan Abal (estrea)
O eco dun tempo pretérito que resoa seccionado no aquí e agora... Diálogo sempiterno de dous instrumentos que transitaron do erudito ao popular e do popular ao erudito en constante pulsión... Camiño de ida e volta, circular como a roda, continuo como os bordóns... Camiño iniciático, transmutación, máis alá, máis arriba...Et Suseia...
DAVID BELLAS
(Viveiro, 1985)
Titulado Profesional en Gaita Galega e Titulado Superior en Instrumentos da Música Tradicional e Popular Galega (con matrícula de honra no seu concerto fin de carreira, a primeira que se outorgou nestes estudos).
Ten formación en diferentes instrumentos de vento-madeira e diferentes estilos e contextos musicais, dende as músicas históricas, ata as linguaxes máis vangardistas, pasando polas músicas de tradición oral.
Foi profesor nas escolas de música de Xove e de Foz (Lugo) ou nos cursos de especialización da Central Folque (Santiago de Compostela), así como nos conservatorios Coppelia de Vigo (Pontevedra) e no municipal de Ribeira (A Coruña).
Gañou numerosos concursos, tanto como solista como formando parte de diferentes agrupacións, ben como intérprete ou como compositor e arranxador de diferentes estilos.
Actualmente é profesor no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro. Imparte cursos e clases maxistrais con asiduidade en diferentes centros, tanto dentro de Galicia como no resto do estado ou Portugal, e é reclamado como intérprete para diferentes proxectos. Céntrase na creación de repertorio didáctico e artístico para unha nova linguaxe para a gaita, sendo moitas das súas obras temario obrigado nos principais conservatorios de Galicia, Asturias e Portugal.
Cursou estudos de piano; é Titulado Superior en Instrumentos da Música Tradicional e Popular, profesor superior de solfexo, e licenciado en Historia e Ciencias da Música pola Universidad de La Rioja. Ten tamén un Máster en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo.
Exerceu a docencia na especialidade de gaita nos conservatorios profesionais de Vigo, Vilagarcía, Ferrol e Ourense. Actualmente pertence ao Departamento de Musicoloxía do Conservatorio Superior de Música de Vigo.
Formouse en diferentes campos da música tradicional galega: gaita, percusión, bouzouki, zanfona (Etrad), así como na construción de instrumentos en Vigo. Tamén participou en diversos cursos e seminarios de música moderna como o Seminario de Jazz de Pontevedra, Estudio Escola (Santiago), etc.
Asistiu a clases de zanfona con Germán Díaz, Gilles Chabenat, Valentin Clastrier, Anxo Pintos, etc., e de música barroca con Tobie Miller, participando en diferentes seminarios como a Oficina Utricularii en Allariz (Ourense) con Paulo Gonçalves.
Formou parte de diferentes agrupacións coas que realizou diversas gravacións como Sondeseu, Nao d’Ire, MetalXis, Musgafol, Sanfonices etc.
Efraím Díaz comeza os seus estudos de música co seu pai Cándido Díaz aos 8 anos. É titulado Profesional (2004) e Superior (2008) de Percusión e titulado Profesional de Gaita (2014). Recibiu cursos de percusionistas como Pilar García Ríos, Eric Sammut, Markus Leosson, Philippe Spiesser, Igor Lesnik, Ludwig Albert, Chin Cheng Lin, N.J. Zivkovick, Beverley Jhonston, Jean Geoffroy entre outros.
Exerceu o seu labor docente en diversas escolas de música como as de Sarria, Sada, Guitiriz e en conservatorios profesionais de Vilalba, Ferrol, A Coruña, Melide, Monforte e Superior da Coruña.
Durante o 2008 editou o seu primeiro disco como solista de percusión Viaje por Kallaikía, e no 2015 o seu segundo disco como solista, nesta ocasión de pito pastoril galego Pito Galego. Durante o 2018 edita os discos O bosque do asubiador, coa Banda Sinfónica Municipal de Música da Coruña, baixo a dirección de Andrés Valero Castells. O bosque do asubiador é unha obra composta especialmente para pito pastoril alto de sol, por Juan Durán, premio Reina Sofía de Composición Musical 2018. Durante o 2019 presenta o seu último proxecto coa Banda de Música de Antas de Ulla, editando un disco sufragado pola Deputación Provincial de Lugo, o seu 4º traballo.
Dende o 2016 é membro fundador e presidente do Instituto Galego de Estudos do Pito Pastoril (IGAESPI). Ademais realizou durante o curso 2017-2018 o Máster en Servizos Culturais na Facultade de Humanidades de Lugo, onde obtivo no seu traballo Fin de Máster a cualificación de Matrícula de Honra (10), ademais do Premio Extraordinario da súa promoción. Este traballo, O pito pastoril na Galicia, condúceo aos estudos de doutoramento na USC, no programa Estudos Culturais: Memoria, Identidade, Territorio e Linguaxe, mergullándose nos procesos de cambio no folclore a través da evolución do pito pastoril galego.
É profesor de Percusión na Escola Municipal de Lugo dende 2012 e forma parte da Banda Municipal de Música de Lugo dende 2002.
É membro permanente do GCSUS, Grupo de Creación Sonora da Universidade de Santiago de Compostela, xunto a Inmaculada Cárdenas e Mónica Álvarez, coas que participou en diversas estreas de obras musicais nestes Sons creativos, destacando entre outras as da súa autoría 11S01, Sonificación espacial, Os porcos e Espectro branco.