O Grupo de Creación Sonora da Universidade de Santiago nace en 1995, baixo a dirección de Inmaculada Cárdenas, como Grupo de Creación Musical da USC (GCMUS) cambiando o seu nome no ano 2012 polo de GCSUS co obxecto de adecuar a súa denominación aos seus proxectos, máis achegados ao concepto de arte sonora, aínda que sen renunciar á palabra “música”. As súas propostas van, dentro da música experimental, desde a música electroacústica e as intervencións e instalacións sonoras ata as paisaxes sonoras. Desde 1995 o GCSUS recorreu un longo camiño na creación sonora, publicando cinco traballos: o CD Música & Arquitectura (2001), a ópera Serea e o contador de contos (2002), o DVD O Grupo de Creación Musical en concerto (2007), o CD Música e entorno (2009) e o DVD Música, espazos e cidade (2012).
Os membros do grupo foron cambiando ao longo do seu percorrido, pero non se pode deixar de citar a aqueles músicos que se implicaron fondamente traballando co grupo ao longo da súa traxectoria, como Bruno Otero Pedre, Fernando Mourenza Fernández, Juan Astray Rey ou Ricardo González Blanco. A incorporación de Efraím Díaz no 2011 veu sumarse aos tres que durante case unha década foron os membros permanentes do grupo: Mónica Álvarez, Arturo Vaquero e Inmaculada Cárdenas, que exerce tamén como directora.
O Grupo de Creación Sonora colaborou con outros grupos da USC, como o Espazo de Danza e a Aula de Teatro. Co Grupo tamén colaboraron e colaboran artistas plásticos como Jesús Otero-Yglesias ou a profesora Terencia Silva. As súas obras programáronse en foros nacionais como Punto de Encuentro, Festival de Teatro de Cádiz, o LIEM de Madrid, Festival Electroacústica de Barcelona e en festivais internacionais como o Festival Synthèse de Bourges, Francia ou o Festival Internacional de Música Contemporánea da Habana. As súas propostas escoitáronse en cidades estranxeiras e nacionais como Nova York, Lima, México, La Habana, Boloña, París, Valencia, Madrid, Palencia, Cádiz, Santiago de Compostela…
Dende a perspectiva da formación o GCSUS promove e organiza habitualmente cursos e foros nos que os alumnos participan na creación de propostas. Obras do GCSUS e de Inmaculada Cárdenas poden atoparse en Internet nos sitios: sonscreativos.weebly.com e www.lugocultural.es/musica) e no net label Alg-a e onde están reeditados os CD Música & Arquitectura, Música e Entorno e Concierto para Esculturas Sonoras de Espacio Permeable e tamén en vídeos musicais en YouTube onde se poden atopar obras como Praia das Catedrais ou o concerto en directo para piano preparado, voz e electrónica Ensaio.