DATA: 21/10/2022 HORA: 20.30 H LUGAR: Casa do Saber Praza Pío XII, nº 3, 27001 Lugo Entrada de balde ata completar aforo
MAHA PRAKRITI
Partindo do significado de Maha Prakriti como gran materia, enerxía ou natureza, convértese no eixo do noso concerto, xa que o termo refírese ao principio creativo feminino, ao océano de enerxía primordial e potencial do que veñen e regresan todos os fenómenos físicos e mentais que experimenta o ser humano. Xunto con Purusha (conciencia) é un dos dous principios dos que está formado o universo segundo a antiga filosofía india Samkhya.
Fluídos(2022). Estrea absoluta.
Obra para imaxe e son inspirada nas profundidades do ser e o seu proceso de crecemento. Todo isto xira arredor dos sons que transportan e acougan, con diálogos e expresións sonoras que comunican o que acontece dentro e fóra, para convertelo nunha viaxe chea de experiencias únicas que flúen por si mesmas.
Memoria e redención (1984-2022). Estrea absoluta.
Acción audiovisual concreta/orgánica/electrónica/experimental, que tece rexistros sonoros desde que empecei a facer música en Galicia en 1984 ata a actualidade. As experiencias codificadas en patróns sonoros entrelázanse e configuran puntos comúns de resonancia. O pasado volve con novos significados. A respiración, o corpo e a voz conviven con outros sons. As paisaxes sonoras sosteñen o horizonte de acontecementos que se desenvolve ante os espectadores. Os contidos da memoria son o combustible que alimenta a acción creativa. Un repaso ao pasado para seguir adiante.
Canto de serea (2022). Estrea absoluta. (dedicado a Andrés e Fernando)
É un diálogo entre a serea e o mar. A voz do ser mitolóxico viaxa polas augas da creación. Érguese, ondea, escóndese, bisba, suca, mergúllase, renace, debuxa o futuro de dous seres que agardan o momento de nacer. O océano agocha todas as vidas pasadas e diríxeas, canalízaas, terma delas e entrelázaas. Anuncian a chegada de dous nenos azuis, azuis coma o mar e o ceo reflectido nas súas augas.
MÓNICA ÁLVAREZ
Inicia os seus estudos de canto lírico no ano 1993 no CMUS de Ourense con Ana Isabel Docampo. Realiza cursos de canto lírico con Manuel Avendaño e J. Antonio Campo, de interpretación con Miguel Zanetti, de pedagoxía da creación musical con François Delalande, de música experimental con Eduardo Polonio, de canto contemporáneo con Esperanza Abad e Fátima Miranda e de canto difónico con Thomas Clements (onde acadou o título de perfeccionamento, permitíndolle impartir cursos desta técnica en Lugo, Palencia, etc.)
É un dos membros fundadores do GCSUS (Grupo de Creación Sonora da Universidade de Santiago de Compostela) dende a súa creación no ano 1996 ata a actualidade, dirixido pola catedrática Inmaculada Cárdenas.
Dende o ano 2002 ata o 2010 encargouse da formación dos alumnos da Sección Vocal do GCSUS, curso ofertado como materia de libre configuración no Campus Universitario de Lugo. Ademais participa como solista nos concertos e espectáculos organizados polo grupo, compoñendo algunha das obras.
Participou na gravación de diferentes discos como: Serea e o contador de contos (ópera electroacústica para voz e cinta), Música & arquitectura, Oratorio, El cubo de San Agustín (estreada en Nova York), todos eles de Inmaculada Cárdenas; e tamén noutros como O Grupo de Creación Musical en concerto, Música e entorno (ambos do GCSUS) e Himnos e marchas procesionais da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.
Foi profesora de canto moderno dende o ano 2000 ata o 2007 na Escola de Música Bieito Blanco de Ourense. No 2003 foi solista da Big Band da Deputación de Ourense.
Entre as súas composicións atópanse pezas con alumnado de infantil e primaria das escolas onde desenvolveu o seu labor docente, como Filigranas escolares (publicada en podcast La Casa del Sonido de Radio Clásica (RNE), programa dirixido por José Luis Carles) e composicións propias como As voces do Mosteiro, Path to freedom e Esencias Sonoras, estreas absolutas en concerto.
Actualmente segue pertencendo ao GCSUS, é mestra funcionaria e participa nun dúo de voz e piano coa pianista María Domínguez.
JOSÉ MANUEL VÁZQUEZ DÍEZ
Nacido en Irún (Guipúscoa), pasou a súa infancia en Ajaccio (Córsega) e a súa adolescencia en Chantada e Taboada (Lugo), de onde son seus avós paternos. Actualmente vive en Madrid. En 1987 gañou o 3º premio no Concurso Nacional de Demostración Rock de Luxe na sección de música electrónica. Entre 1984 e 1989 os seus traballos sonoros experimentais saíron á luz en recompilatorios en España, Francia, Bélxica e Estados Unidos. En 1984 fundou con Raúl Almenara o primeiro selo de música electrónica de Galicia, no que publicou 8 referencias de música electrónica experimental. En 1991 realiza, xunto con Raúl Almenara e Juan Rózpide, a performance visual e musical Abrea Nae para o Día das Letras Galegas na Universidade de Santiago de Compostela. En 1990 dirixiu a representación escénica e sonora Líquidos, unha reflexión sobre o tempo e o eterno retorno (Nietzsche) con compañeiros do teatro laboratorio de Susana Lebinsky en Digitales Órbita (Madrid). En 2018 participa na compilación de música experimental española 1980-1986 Hit your brain (Edición coleccionista, tirada de 440 exemplares). En 2020 realizou a meditación audiovisual Psiconauta (https://www.youtube.com/watch?v=sTENr5BixHc) e publicouse Moon (https://yogaorganico.org/moon/).