DATA: 22/10/2022 HORA: 20.30 H LUGAR: Casa do Saber Praza Pío XII, nº 3, 27001 Lugo Entrada de balde ata completar aforo
RECREACIÓNS
Co título de Recreacións, preséntase o concerto que clausurará os Sons Creativos 2022 con dúas obras para electrónica en directo, sintetizador e cinta. Trátase dunha realización de Juan Antonio Lleó e Inmaculada Cárdenas sobre dúas obras desta autora, pertencentes ao inicio da súa carreira como artista sonora.
PROGRAMA
Mosteiro Suite e La Memoria y los Juegos son obras experimentais nas que se traballa coa electroacústica e a improvisación. A primeira, realizada no mosteiro de Sobrado dos Monxes na provincia da Coruña, e a segunda, un traballo sobre a volta á infancia na vellez, realizada en distintos lugares de Lugo. Estas obras están publicadas en CD pola Fundación ACA baixo o nome de Music & Architecture.
Mosteiro Suite explora as acústicas do mosteiro desde as improvisacións realizadas nos seus distintos espazos polos membros do GCSUS (daquela GCMUS) Bruno Pedre ao bombardino e Juan Astray e Fernando Mourenza nas voces. O violonchelista Víctor Gil Serafini achega o seu extraordinario facer coas súas improvisacións. Os músicos non estiveron xuntos nas intervencións e seguiron as indicacións da autora para realizar as improvisacións. Esta obra realizouse no Laboratorio de Informática Musical de Madrid (LIEM) no agora desaparecido CDMC. Posteriormente sería coreografada para o Espazo de Danza Universitaria (EDU) da USC.
A Memoria e os Xogos
Obra encargada polo coreógrafo Juan Moredo, foi estreada en Rotterdam e posteriormente programada en Santiago polo EDU. Os temas de piano, así como os de violonchelo, ademais das improvisacións diversas que conforman o desenvolvemento da obra, foron realizados pola autora. Quero agradecerlle á desaparecida tenda de xoguetes e instrumentos El Arco Iris da rúa San Pedro que nos permitise improvisar con xoguetes mecánicos da tenda. Os temas de violonchelo están a cargo de Víctor Gil Serafini e as improvisacións con xoguetes realizadas en El Arco Iris foron realizadas coa colaboración de Mónica Álvarez, membro fundador do GCMUS.
Recreacións
Retoma estas dúas obras dándolles un xiro na súa relectura improvisada, desde a electrónica e o sintetizador Yamaha DX7 —agasallo dos irmáns Pavón—, creando nelas atmosferas novas que as enriquecen e as converten noutra proposta.
INMACULADA CÁRDENAS
Inmaculada Cárdenas, naceu en La Línea en 1952. Música, historiadora, pedagoga, artista sonora e multimedia, foi profesora da Área de Música da Universidade de Santiago de Compostela ata a súa xubilación en 2013. Viviu en Galicia desde 1983, cando se incorporou á Universidade como profesora de música na entón Escola de Profesorado de Lugo, hoxe Facultade. Doutora pola Universidade de Sevilla en 1981 cunha tese de doutoramento sobre música barroca andaluza.
O primeiro título superior que obtén é o de Piano no Conservatorio de Sevilla aos quince anos. Ao ano seguinte obtén o título de mestra na Normal de Maxisterio de Sevilla. Licenciouse en Historia de América pola Universidade de Sevilla. Dedicada á investigación musicolóxica ata a súa chegada a Lugo, dedicouse dende entón á investigación en pedagoxía musical. Pertence á Asociación de Músicos Electroacústicos de España (AMEE).
O máis destacable da súa traxectoria como compositora en palabras de François Delalande é que I. Cárdenas chegou á composición a través da práctica pedagóxica. A súa relación con François Delalande desde 1987 convenceuna das novas teorías da pedagoxía musical desenvolvidas por este autor. Desde entón escribiu e publicou artigos e libros sobre esta pedagoxía, que denominará en España pedagoxía da creación musical, aínda que nos seus escritos tamén aparecen as denominacións francesas como pédagogie de l'éveil e pedagoxía das condutas musicais.
Cun grupo de artistas lucenses que pouco despois toman o nome de Espacio Permeable, ten a primeira oportunidade de poñer en práctica a teoría da pedagoxía da creación musical. Este traballo foi estudado polo artista sonoro Xoán Xil López e foi presentado como un proxecto de investigación na Universidade de Oviedo.
Desde 1993 traballa en solitario no LIEM do CDMC interpretando traballos electroacústicos que se publicarán no CD Music & Architecture, reeditado na rede Alg-a. Este traballo formou parte da tese de doutoramento realizada pola arquitecta Clara G. Ramalho Moutinho Gonçalves na Escola Superior de Arquitectura de Sevilla en xaneiro de 2008. Titulada “Arquitectura. Diálogos coa música. Concepção, tradição, criação”, e dirixida por Victor Pérez Escolano en codirección coa profesora Marieta da Mesquita (Universidade de Lisboa), o capítulo 4.6 (pp. 342 a 345) está dedicado a I. Cárdenas co título “Inmaculada Cárdenas: Ouvir a arquitectura, compôr o som”.
En 1997 funda o Grupo de Creación Musical da USC (GCMUS), que dirixe desde aquela, e co que levou a cabo diversos proxectos de creación musical, en todos os cales a vertente pedagóxica estivo sempre presente, ben na investigación que busca novas formas, ben na formación do alumnado nestas técnicas pedagóxicas de creación musical. O primeiro traballo con este grupo será a ópera experimental Serea e o contador de contos inspirada na historia do escritor galego Torrente Ballester El cuento de la sirena. Ópera estruturada en 11 escenas, con libreto de Terencia Silva Rojas, foi editada integramente en CD pola Fundación ACA (Mallorca) no ano 2002.
O seu interese por outros medios de expresión como a danza e o audiovisual permitiu que moitas das súas obras fosen coreografadas ou presentadas con soporte audiovisual a partir das súas propias ideas, o que a levou a traballar en estreita colaboración con artistas doutros ámbitos, como nos traballos electroacústicos O Museo, A Memoria e os Xogos e Mosteiro Suite, reestreados con danza en colaboración co EDU (Espazo de Danza Universitaria da USC); e entre as traballadas con apoio visual destacan La Línea-La Habana con montaxe de Antón Caeiro e fotos de Santiago Cano ou Praia das Catedrais cos mesmos artistas. Outra obra con montaxe visual de Arturo Vaquero e imaxes de Santiago Cano é O Oratorio do Caldeiro de Santo Agostiño, que está dedicada á solidariedade cidadá na catástrofe do Prestige e que, canda Praia das Catedrais, foi editada en DVD pola USC en 2007 co título de O Grupo de Creación Musical en Concerto.
A obra completa de Inmaculada Cárdenas atópase no Catálogo de Compositoras Españolas A creación musical feminina desde a Idade Media ata a actualidade, pp. 209 a 211, editado polo Ministerio de Cultura en Madrid, 2008. Dispoñible aquí.
As súas obras inscríbense nas técnicas electroacústicas de composición, aínda que busca sempre unha forma propia de expresión, facéndolles chiscadelas a outros estilos musicais. Gústalle estar nas fronteiras das artes, fascínana as relacións entre música e pintura, música e escultura, música e arquitectura, música e palabra, e opina que as técnicas son ferramentas de traballo. S
éntese moi a gusto traballando con grupos de persoas coas que realizou traballos de creación que culminaron en intervencións sonoras en espazos arquitectónicos con acústicas relevantes e nas cales a improvisación e "o conceptual" definen estas propostas como Monte Gaiás na Biblioteca da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, ou en Las Señoritas de Carabanchel, realizada na capela do palacio de Vista Hermosa de Carabanchel co alumnado do CRIF dentro dos cursos que organiza María Ortega, ou Tormenta Celeste, que realiza na Universidade de Cuenca co alumnado da especialidade de Música do profesor desa Universidade, Antonio Alcázar, e que se estreou o 20 de maio de 2009 en Lugo no Salón Rexio do Círculo de las Artes, -teatro en que o Grupo de Creación Musical estreaba as súas propostas anuais ata a construción do espazo Casa do Saber- ou a obra Horóscopo Chinés realizada na Universidade de San Marcos en Lima (Perú) con alumnos da Universidade en febreiro de 2009.
Cando traballa en solitario é o collage electroacústico o que pode definir mellor o seu traballo, utiliza en moitos casos una mestura entre a paisaxe sonora e a improvisación instrumental manipulada. En todas as súas obras hai un fondo dramático que define como música cinemática e que Denis Dufour chama “cine para os oídos”. Tanto cando traballa en solitario como en grupo a gravación é a súa ferramenta fundamental, esta sérvelle para situar o contexto da sesión de traballo nunha secuencia que podemos establecer como: explorar o son, gravalo, escoitalo, seleccionar e volver gravar. Desta maneira vai obtendo os materiais sonoros que formarán a obra. Cando se enfronta ao reto dunha obra nova sente a sensación de que é a obra a que a atopa e non ao revés, por iso considera que “escoitar” é a calidade maior dun músico e pensa que quen “escoita” a súa contorna escoita as músicas que esta lle ofrece.
Dentro do Grupo de Creación Musical estrea obras anualmente, como parte do traballo compositivo que o Grupo realiza desde a súa creación en 1998, en talleres anuais de canto e electrónica musical con Mónica Álvarez e outros membros deste colectivo.
As súas composicións foron programadas en foros nacionais e internacionais de prestixio, como Synthése en Bourges (Francia), Hemisferic en Nova York, Universidade de Bolonia, Fonos en Barcelona, Festival de Teatro de Cádiz, Festival Internacional de Música da Habana, Festival Lles Nits de Aiello en Valencia e o CDMC en Madrid, onde realizou diversas obras, e máis recentemente en Miami, Berlín e Bilbao.
As súas obras e os seus escritos foron citados por autores como Llorenç Barber, Javier Ariza, Rubén López Cano, Gotfried Von Raes, François Delalande ou Antonio Martín Moreno, e faise referencia a ela no Dicionario de la Música Española e Hispanoamericana, editado pola SGAE, a voz de Espazo Permeable de Anxo Medina e outras citas referentes aos seus escritos musicológicos.
Desde 2015 desenvolve una técnica pianística baseada na procura de xestos novos que lle permitan expresar o seu mundo sonoro, partindo de gravacións da contorna. Froito dela foron as súas obras Nubes, Planetas, Iguazú, Diálogo 1 e Diálogo 2.
Amais do seu labor compositivo desenvolve ata o presente outro de tipo investigador, publicando periodicamente en diversas revistas de ámbito nacional e internacional como Laocoonte e Consensus. Impartiu cursos e conferencias en México DF, Lecco (Italia), Lima (Perú), e en diferentes cidades españolas, como Palencia, Santander, Santiago, Campo de Criptana (Cidade Real), Olivares (Sevilla) ou Cuenca, entre outras.
Actualmente está xubilada, pero mantén a codirección dos Sons Creativos, ciclo de concertos e talleres para o desenvolvemento e a difusión da música electroacústica e a arte sonora. As súas obras están reeditadas na netlabel Alg-a e atópanse en Youtube.
Artista electroacústico e desenvolvedor informático. Realizou estudos musicais no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid e no Gabinete de Música Electroacústica (GME), do Conservatorio Profesional de Cuenca. Pioneiro das aplicacións MIDI en España (director dos Cursos da Asociación IDIM, na Facultad de Informática e Escola Técnica Superior de Ingeniería de Telecomunicaciones da Universidad Politécnica de Madrid).
Desde 1983 vén impartindo diferentes conferencias e cursos sobre informática, música, arte e multimedia en diversas universidades e centros públicos e privados (Universidades Politécnica e Complutense de Madrid, CSIC, Univ. de Sevilla, Univ. de Castilla-La Mancha, Univ. de Valladolid, Univ. de Alcalá de Henares, IMEFE, Istituto Europeo di Design, CES, Hypermedia Art Center, Darío Estudio, etc).
Actualmente e dentro da súa faceta como desenvolvedor informático, colabora activamente con diversas comunidades tecnolóxicas, entre as que destacan BlockMAD e Crypto Plaza Devs, das que é cofundador, Hack Madrid %27 e Haskell Mad.
As súas obras musicais presentáronse en concertos, festivais, emisións de radio, televisión e internet en diversas partes do mundo, editáronse en publicacións de discos, vídeos, películas, CDROM multimedia etc. e en diferentes proxectos musicais.
É editor e coautor, entre outros, dos libros Audio 3D e El Arte en las Redes e coautor do libro Arte, Placer y Tecnología, que foron editados dentro da colección Ars Futura. colección dedicada á arte electrónica, por Anaya Multimedia e a Sociedad General de Autores y Editores de España (SGAE). Colaborou, entre outras, coas publicacións PC Magazine, Cinevideo, Música Global e Revista de Nueva Música.
Participou en diversos proxectos de arte tecnolóxica, tanto individuais como formando equipo con outros artistas, en Europa, América, Asia e Australia (Dokumenta 8, Art Futura, Ars Electrónica, Sónar, Cursos de Verano da Universidad Menéndez Pelayo, Expo 2000 Hannover, Viva Festival etc). Foi compositor do Departamento de Vídeo do Colegio de Arquitectos de Madrid (COAM) entre 1986 e 1989.